A esencia musical da nosa vila

As nosas Bandas

A Banda Xuvenil e a Banda Cultural de As Pontes forman o corazón artístico da Escola. Son dous espazos de aprendizaxe, convivencia e crecemento musical onde o alumnado evoluciona paso a paso, compartindo escenario, esforzo e ilusión coa comunidade musical da vila.

As bandas son o lugar onde todo o aprendido nas clases cobra sentido. A través da práctica en grupo, o alumnado desenvolve a escoita activa, o traballo en equipo e a responsabilidade musical, imprescindibles para medrar como intérpretes.

A Banda Xuvenil naceu no ano 2005 coa intención de formar aos nenos e nenas antes de dar o salto á Banda Cultural. Desde 2006 e ata 2024 estivo dirixida por Daniel Novo Pena, etapa na que experimentou un notable crecemento no número de integrantes: dos 10 músicos iniciais pasou a superar os 40 nos anos seguintes, impulsada en gran medida polo incremento de alumnado da Escola de Música, da que proceden todos os seus membros.

Ao longo destes anos, a Banda Xuvenil participou en numerosos concertos e actividades: os tradicionais recitais de Santa Icía, Nadal, Semana Santa e fin de curso, así como diferentes actuacións na nosa vila, incluíndo asociacións de veciños como Aparral ou Espiñaredo, e intervencións en centros de terceira idade.

Tamén realizou diversas saídas fóra do Concello, como a súa presenza na Xuntanza de Bandas Xuvenís de Touro ou no Certame de Bandas Xuvenís promovido pola Federación Galega de Bandas de Música Populares na Cidade da Cultura de Santiago.

Desde setembro de 2024, a formación está dirixida pola profesora da Escola Tamara Soto Soto.

A Banda de Música nace no ano 1987 por iniciativa do daquela alcalde e actual presidente, D. Jaime Vilaboy Ramil. Froito do entusiasmo e a inquedanza dun grupo de músicos locais, o Concello aprobou a contratación dun director para guiar a creación da formación, así como a adquisición do equipamento e instrumental necesario para a súa posta en marcha.
Os primeiros ensaios comezaron a principios de abril de 1987 baixo a batuta do mestre D. Herminio Prieto Castro, e a presentación oficial tivo lugar o 25 de outubro dese mesmo ano no Cine Alovi. O éxito da estrea foi o xermolo que impulsou a creación do actual Conservatorio Profesional de Música da vila.
Ao longo da súa traxectoria, a agrupación actuou por toda a xeografía galega, así como en diversos puntos de España e países veciños, participando en festivais, certames de gran sona e procesións destacadas, como a Semana Santa de Zamora. Tamén realizou concertos didácticos, colaboracións con outras agrupacións e aparicións en programas da TVG e TVE. Entre os seus fitos, destaca a organización do primeiro Curso de Dirección de Bandas de Galicia —patrocinado polo IGAPE e a Federación Galega de Bandas de Música Populares— e o labor de investigación e recuperación que permitiu a estrea do antigo Himno de As Pontes, motivo de orgullo para a agrupación.
Polo podio da banda pasaron diversos directores, destacando a etapa de D. Juan Bernat, quen estivo á fronte durante 15 anos. Baixo a súa dirección fundouse a Escola de Música, canteira fundamental onde o alumnado adquire a formación necesaria para acceder á Banda Cultural.
Entre os anos 2010 e 2024, a dirección recaeu en D. José Lodeiro Gesto. Durante este período celebrouse o 25 aniversario da formación, impulsáronse melloras cualitativas na Escola de Música e organizouse o I Curso Musical Vila das Pontes (2016). Así mesmo, cómpre salientar a participación no II Certame Internacional de Bandas “Ciudad de Benavente” en xullo de 2019.
Desde o ano 2024, a Banda está dirixida por Daniel Novo Pena, quen anteriormente exerceu durante 17 anos como director da Banda Xuvenil e da Escola de Música. Na actualidade, a agrupación conta con 50 integrantes.


Comparte na tua rede!

DIRECTORES

contacta connosco

Tes dúbidas sobre as clases, a matrícula ou os concertos da escola? Escríbenos e axudarémoste encantados.
O equipo da Escola de Música e Banda de As Pontes está á túa disposición para ofrecerche información, orientación e acompañamento en todo o que precises.

Completa o formulario e poñerémonos en contacto contigo o antes posible.

This field is for validation purposes and should be left unchanged.
Nome e apelidos

Información básica sobre protección de datos

O Responsable do Tratamento é ASOCIACIÓN CULTURAL E RECREAT. AMIGOS DA MÚSICA – BANDA DE AS PONTES, Asociación Cultural sen ánimo de lucro G15333321 . A finalidade do tratamento é a de atender o teu trámite. A base legal do tratamento é o interese legítimo do Responsable do tratamento. Non se preven comunicacións de datos salvo nos supostos legalmente previstos. Podes acceder, rectificar ou suprimir os teus datos segundo a información adicional que podes consultar. aquí.

Sin nombre(Necesario)